A nosa lingua está nun grave perigo de morrer. Existe unha tendencia clara na mocidade de falar o castelán. Isto non sucede de maneira espontánea ou por unha moda, se non que obedece ó proceso do sistema de desbrozar todo aquilo que non supón un valor inmediato en forma de ganancia.
A teima de ser ultracompetitivos para asegurar os beneficios empresariais, unido a un proceso de globalización e deslocalización non so de unidades de produción, se non de man de obra, fai que ó capital lle interese que a clase traballadora saiba comunicarse en linguas, desde o seu punto de vista, máis produtivas.
Durante as últimas décadas, o bombardeo ideolóxico, a través das grandes canles de comunicación e das institucións educativas, está orientado ao consumo de produtos de entretemento en castelán ou en inglés. Desde o cine ata as novas plataformas de produtos audiovisuais como Netflix, o uso do galego é residual ou simplemente prohíbese o subtitulado na nosa lingua. Qué decir dos videoxogos, os cales na súa práctica totalidade ofértanse nestes dous idiomas.
Ante este ataque mediático, as institucións teñen a obriga de defender ó seu idioma e ás suas falantes. A través de instrumentos tan potentes como son, por exemplo, as institucións educativas a todos os seus niveis, e a televisión pública, a Xunta debería de dar ferramentas suficientes para poder vivir en galego, ter ocio en galego, aprender en galego.
Porén, as leis de normalización da lingua nos centros de estudos rematan por ser papel mollado ao non existir un control real sobre o uso do idioma por parte do profesorado nos niveis de educación primaria e media. Que dicir do desamparo que ten a lingua nos centros de estudo superiores, onde é o profesorado quen decide, individualmente, en que lingua vai realizar as súas aulas.
Tamén, o uso do galego na TVG é certo que é practicamente total, pero aquí debemos denunciar que, grazas á falta de inversión en profesionais e contidos, redúcense cada vez máis os recursos para traballar e realizar os diferentes programas.
O caso máis sangrante para a mocidade pode ser o do programa Xabarín Club. Moitas de nós crecemos na chamada Xeración Xabarín, un programa realizado cos medios humanos e técnicos suficientes para ofertar calidade en galego. Consecuentemente, o programa era sen dúbida un dos máis vistos e recordados por toda unha xeración de mozas galegas. Hoxe aínda persisten os seus efectos ó ter dinamizado unha cultura en galego. Lamentamos que, debido a falta de interese, o programa teña caido no abandono institucionañ e baixado a súa calidade, o que repercute en que cada vez menos nenas teñan acceso a uns produtos culturais en galego e de calidade.
A mocidade traballadora galega ten que esixir poder desenvolverse en galego, e para iso precisa non so de leis, se non de todo un conxunto de opcións que non limiten ó galego a un ámbito formal e institucional.
Fala galego, Pola túa clase!