Na Galiza un dos moitos exemplos dun interese privado por riba dos intereses da maioría materialízase claramente co nome de Aquagest, actual Viaqua. Esta empresa, como xa se denunciou ó longo de todo o país, buscou e segue a buscar exclusivamente o lucro económico, en conivencia cunha administración podre. Casos como o de Punxín1 hai pouco máis dun ano, ou mesmo o caso “Pokemon” no que Aquagest ten un peso importante como empresa corruptora, son mostra da incapacidade do capital privado para servir ós intereses de todos e todas nós.
Os contratos que asinan son vinculantes coa Administración durante incluso décadas, e obviamente moven suculentas sumas de diñeiro que priman sobre asuntos tan capitais como a propia saúde das e dos consumidores2. A resposta fronte a estes abusos non é a que se debería esperar duns representantes en teoría dos intereses do pobo; cando as que pagan se senten ameazadas, estes calan; ou no peor dos casos, as defenden e encobren.
En Santiago de Compostela, onde todo o equipo de goberno e a metade da lista do Partido Popular para as últimas eleccións municipais está imputada por delitos de corrupción, e onde xa vai o terceiro alcalde da lexislatura, saben cales son as consecuencias desta política privatizadora que comezou moitos anos atrás. Non só repercutiu nunha peor xestión froito das condicións das traballadoras do sector privado3 senón na pretensión continuada dunha suba de prezos que permita acceder a unha taxa de beneficios cada vez maior4.
Por todo isto consideramos imprescindible que os bens de consumo e as empresas que os producen sexan competencia e responsabilidade exclusiva de toda a clase traballadora, para que o ben común prime por riba do ben privado. Isto só se consegue coa desaparición do capital privado para a democratización da economía. Nun sistema no que sexamos os obreiros e obreiras quen decidamos como se crea e se reparte a riqueza que nós mesmas xeramos.
Pola nosa saúde e pola vida digna da clase traballadora.
________________________________________________
1 http://praza.gal/politica/6858/de-punxin-a-pokemon-os-vecinos-mantenen-o-peche-polo-prezo-da-auga/
2http://ccaa.elpais.com/ccaa/2014/03/27/galicia/1395948205_343730.html
3 http://www.galizacig.gal/avantar/node/51185
4 http://www.eldiario.es/galicia/Pokemon-insistio-encarecer-recibo-Santiago_0_231327638.html